miércoles, 25 de marzo de 2009

Maioría natural

George Lakoff é un lingüista e analista político norteamericano, do máis relevante e influínte do panorama global. O seu obxectivo primordial é desmontalos artificios demagóxicos da dereita, ofrecendo ideas coa fin de articular un discurso efectivo para a esquerda moderna, con tantas dificultades para chegar ós cidadáns. No seu último traballo de renome internacional Puntos de reflexión recolle doce grandes propostas co ánimo de que a esquerda triunfe nas batallas electorais, traducidas en trampas nas que non debera caer.

Tamén incorpora categorías novidosas para identificar preferencias ideolóxicas no seo do electorado, como conservadores parciais ou progresistas parciais (ademáis de indecisos) partindo da valoración de que non existe o centro ideolóxico (é un mito), e de que a moderación non debera confundirse co que identifica como biconceptualismo. Segundo esta aportación, moitos somos biconceptuais (pero non de centro) pois podemos vivir conforme a valores progresistas e ter unha visión conservadora do mundo, ou viceversa.

Toda esta teorización, tan resumida aquí, sérvelle para extraer a moralexa de que o grande capital a explotar por parte da esquerda é conseguir manterse fiel ós seus valores de maneira valente, auténtica e honesta, por moitas doses de pragmatismo que se poidan incorporar. Salvando as diferencias entre a política norteamericana e a galega, e constatando as peculiaridades innegables desta última, pódese entender que unha das leccións recibidas co resultado do 1-M foi que a esquerda galega non foi quen de zafarse das trampas nas que a dereita renovada de Feijoo a forzou a tropezar. Tampouco soubo trasladala súa propia mensaxe (confundindo ó electorado e confundíndose a sí mesma) deixando á marxe diferencias de matiz enriquecedoras, pero case nunca insalvables.

O reto para o futuro, e o que debera facer ser optimista á oposición parlamentaria, é a posibilidade de chegar por fin a un acordo de convivencia e entendemento mutuo, xunto cunha decidida posta en común de valores e mínimos compartidos para así, construír unha alternativa crible e fiable para aqueles galegos que, aínda sendo biconceptuais de nacemento, non son conservadores e que, diga Fraga o que diga, non son a maioría natural do país.

viernes, 20 de marzo de 2009

Pachi non é Patxi


Hai responsables políticos que parecen non querer entendelas mensaxes da cidadanía activa e, ás veces, dámonos conta de que vivimos nunha Democracia a medio construír, que se atopa na preadolescencia constante, con políticos acomodaticios e instalados nunha sorte de burbulla autista. Falta cultura crítica e sobra apego polo poder. Un pensa que o republicanismo é algo que vai máis aló do mero simbolismo: carecemos pois, de suficientes activos que alcen a voz e se rebelen, e sobra sumisión, cálculo e acatamento irreflexivo. A pouca xente que puidera asomalo fuciño logo é apartada ou dada por non-ouvida pois supón un perigo desleal para as forzas do stablishment.

En política os tempos son moi importantes, e os pasos a seguir soen estar marcados pola inercia exercida dende quen dispón da potestas que, como ben souberon discernir os romanos, non leva necesariamente apararellada a auctoritas. Unha cousa é a sabia prudencia, e outra o apodrecemento, a desilusión de antemán e a xordeira xeneralizada. Os medios de comunicación, en ocasións, fan o xogo a estes intereses opacos, e resulta incuestionable a súa influencia no colectivo.

Dende o día seguinte ás eleccións galegas, aquel no que Touriño deu boa mostra de honradez política dimitindo de maneira irrevocable, parece que o PSdeG ten xa un candidato oficioso e prefixado ás vindeiras eleccións, que sairá do Congreso do 25-A. Dise que na Revolución dos Cravos ninguén recibiu un disparo. Non é cuestión de nomes, ou só de caras novas. A experiencia é un grado, e ninguén cabal o nega. Por eso mesmo, a experiencia democrática nos mostra que a maquillaxe, a renovación ficticia, o anquilosamento de ideas, o aillamento e o non ser permeables socialmente é preludio de fracaso electoral inefable.

O liderado dun partido político que aspira a recuperalo poder para cambiala sociedade, e incluso ser maioritario, non pode construírse artificialmente. Ten que emerxer dun debate aberto e sosegado de fondo, e da confrontación de proxectos e visións para o futuro. Semella que, así como se impón a razón de Estado, na nosa partitocracia é tan recorrente a razón de Partido. Temos moito que aprender das vellas Democracias occidentais. Brown non é Blair, Kerry non é Obama, Almunia non é Zapatero. E Pachi non é Patxi.

jueves, 12 de marzo de 2009

Zapatero global


Vaian atizando porque xa dispoñemos de probas concluíntes para considerar a Obama dentro da inacabada nómina de herexes con endiañada vontade destructora. Atopámonos na hora do Anticristo. Gañouse por méritos propios ser posible candidato, ou mesmo sucesor, a representar unha versión mellorada da pérfida inmoralidade dun tal Zapatero. Barack, estás condenado.

Entre sectores fanatizados da sociedade americana empeza a cundilo pánico e algúns recóllense xa que, dous meses despois da toma de posesión, e sen tempo a que lle tremera o pulso, as promesas de cambio son agora decisións que están en marcha. Eso doe. Alí, periodistas do International Herald Tribune realizáronlle a primeira entrevista a bordo do Air Force One. Unha das preguntas, sen acritude e moi benintencionada, foi: “É vostede socialista?”, ó que o Presidente, incrédulo, respondeu: “eu diría que non”. Dende o Vaticano tamén se albiscan sinais de impaciencia inquisitorial pois resístense a aceptar convivir cun “Zapatero global” que apoia e financia, con diñeiro público, a investigación científica que teña como fin a posibilidade de curar enfermidades terminais para o común dos mortais. Estaría levantando así o veto imposto por oito anos de réxime evanxelista, promotor de creacionismo medievalizante e escura involución. Intolerable.

Antes propúxose levar a cabo a paulatina retirada das tropas de cruzados que tan boa labor fixeron no corazón da Mesopotamia salvaxe e eso é tamén unha afrenta, e unha traizón, ós principios da mensaxe do Deus único e verdadeiro. Outro expoñente máis do relativismo e da pobreza moral, tamén membro destacado da masonería internacional. Outro perigo para a pureza espiritual dun Occidente en franca e desasosegante decadencia. Sólo lle resta legalizalas unións de parellas dun mesmo sexo para desvirtuar a eterna e inamovible institución familiar, derrubando definitivamente os cimentos da impoluta nación dos pioneiros, das ánimas elexidas que fuxiron dunha Europa irrecuperable para erguer o paraíso na Terra. Ambos, Zapatero e Obama, son producto da dexeneración á que as masas chegan cando non lles deixan aferrarse ó único que conquire a súa salvación.

En definitiva: sin querelo, o apocalíptico Vaticano bótalle unha man ó Presidente do Goberno, no seu momento máis baixo.

martes, 3 de marzo de 2009

NOVO SOCIALISMO GALEGO


Será improbable que a experiencia bipartita se repita en anos logo do batacazo electoral recibido polos partidos que o integraban. O pobo galego falou alto e claro, e fixo caer un mito que considerabamos inamovible dende o comezo da autonomía, e que tamén se asumía como regra xeral: a mobilización non favorece necesariamente á esquerda. Houbo maior participación que nunca e polo tanto, a victoria popular é incontestable. Os galegos quixeron, novamente, un cambio de rumbo e os derrotados non deberan facer análises equivocadas. Demostrouse, como algúns alertaban, que a campaña estivo mal plantexada e peor desenvolvida dende as forzas de goberno, e foi sucia (pero intelixente) a do PPdeG.

As mensaxes repetidas, en forma de mentiras e medias verdades, calaron fondo nunha opinión pública receptiva e sensibilizada co momento económico. Así emerxe o cambio profundo nas sociedades, e a “revolución conservadora”. Paseniño, pero con todo de cara para asentarse no medio prazo.

O socialismo galego queda tocado porque defraudou, pero ten a capacidade para reinventarse se traballa arreo, e posibilidades de recuperala Xunta nun horizonte próximo. Só ten que ser honesto e fiel ós seus ideais, avaliar as deficiencias e disfuncións, e correxilo rumbo actual. Debera mostrarse cercano, comunicarse máis e mellor reverdecendo as súas bases, formalas, trasladala mensaxe incidindo no que é forte, e penso que ser moito máis autónomo respecto do PSOE. Ten que anticiparse ás demandas sociais e ver que o panorama se está reposicionando se non quere levar outro revés nas eleccións municipais, especialmente en áreas urbanas. Recuperar efectivamente o galeguismo como seña de identidade propia, facelo visible, e redobrar o compromiso co país para entendelo mellor en toda a súa extensión e pluralidade é unha tarefa crucial para a súa supervivencia, e unha oportunidade para medrar en apoios.

Se a esto se lle suma ser o referente da esquerda sociolóxica, dos traballadores, e de amplas capas de poboación en situación desfavorable, o mesmo estado da economía global pode ser a táboa na que apoiarse para volver. O BNG da viaxe ó centro podería estar tentado de camiñar ás orixes, e aí abriríase unha porta para que o socialismo galego consolidase un novo caladoiro.